CorreSan '16 - Nocturna Cidade Vella

Toca volver a correr no Circuíto CorreSan, despois de participar na proba de Angrois, agora é o turno da Nocturna Cidade Vella, onde teremos que percorrer unha distancia de 5,5 km nun percorrido de dúas voltas pola zona vella de Santiago e polo parque da Alameda. 
Os obxectivos están ben claros, intentar baixar o tempo do ano pasado (21:38 min) e despois da primeira proba e ver que pode ser que teña opción de facer podio ao rematar o circuíto, vai tocar correr moito e buscar a mellor posición posible e pelexando ata o final, para iso terei que saír desde adiante de todo e non cometer o erro do ano pasado onde saín dos últimos por non estar pendente de cando nos chamaron para a liña de saída. 
Desta vez fun con un compañeiro que tamén ía correr polo que fomos con tempo para que puidese recoller o dorsal e de paso deunos tempo a ver as carreiras das categorías inferiores. Cando faltaba 30 minutos para darse a saída fomos quecer un pouco e xa nos diriximos cara a saída, aínda faltaban 15 minutos e xa estaban practicamente todos os corredores collendo sitio para saír e alí estaba eu entre os primeiros para poder saír rápido dende o inicio. 
Nada máis se deu o pistoletazo de saída arranquei rápido e aínda así, nos primeiro metros me adiantaban por todos os lados, cando só levabamos 150 metros de carreira adiántame un corredor pola dereita xusto cando se cerraba a curva cara ese lado e vexo como tropeza con Raquel Suarez Pedrosa o que provoca que se vaia ao chan e eu teña que frear un pouco, rápido a levantaron e puido continuar. 
A partir de aí comezo a gañar as posicións perdidas e aínda que ía correndo a golpes, buscando sitios por onde poder pasar, ía bastante rápido xa marcando o meu ritmo de carreira. Nesta primeira volta tiven varios sustos de querer torcer o nocello e de esvarar na alameda pero todo salvado ben e na costa importante que había no km 2,3 aprox. subín bastante ben gañando moitas posicións, se cadra subín rápido de máis porque cando cheguei arriba notei o esforzo de subir e aínda había que dar outra volta e volver a subir, o bo era que dende aí ata meta era todo baixada. Completo a primeira volta con un tempo de 10:09 min o que supón un ritmo aproximado de 3:41 min/km, moi ben para levar dúas semanas de adestramento.


Decido seguir tirando pero xa ía intentando gardar algo para a subida e acabar con un bo sprint. Así intentei aguantar o ritmo dun corredor que levaba por diante pero non conseguía aguantalo fácil e pouco a pouco me vou quedando, aínda así gaño algunha posición máis de xente que xa lles estaba chegando coma a min. Ao chegar a subida xa non subo coma na primeira volta e decido tomalo con máis calma, pasos máis cortos pero sen pausa, gaño un par de posicións e comezaba a baixada na que me adianta un corredor pero sen perdelo de vista, cando chego a recta de meta comezo a sprintar para darlle caza, cando se da conta de que viña por detrás recortandolle terreo, el tamén comeza a sprintar e entramos xuntos en meta pero quedome unhas milésimas por detrás despois de facer un sprint duns 150 metros. Esta volta fagoa nun tempo de 10:26 min, o que equivale un ritmo de 3:48 min/km, pagando o esforzo realizado na primeira volta e a falta de adestramento. 
O final posto 41º de 580 e 17º da categoría, con un tempo de 20:37 min que equivale a un ritmo de 3:45 min/km. Os obxectivos ao final cumprinos xa que aínda que non conseguín gañar o sprint sei que o din todo e quedei satisfeito co resultado, ademais conseguín mellorar 1:01 min a marca do ano pasado. En canto a posición de cara ao circuíto aínda non saíu a clasificación oficial pero polas miñas contas debo de ir de 10º ou 11º polo que vai estar complicado chegar ao podio pero pelexarase ata o final. 
En canto a carreira moi ben organizada, con voluntarios marcando o camiño e dicíndolle a xente que estaba a ver a carreira ou pasaba por alí que se botara cara un lado para non molestarnos mentres estabamos a correr, o único que estaría ben que houbese sería un servizo de gardarroupa pero polo resto todo perfecto.

Clasificación xeral homes:
  1. Pedro Nimo del Oro ................................ 17:51
  2. Cristian Muíño Varela ............................ 18:08
  3. Amador Pena Torreira ............................ 18:09
Clasificación xeral mulleres:
  1. Raquel Suarez Pedrosa .......................... 21:31
  2. Esther Pedrosa ....................................... 22:21
  3. Lara Buig Fernandez ............................. 23:00
PD: Fotos cortesía de Runphotos Galicia. Grazas!!

Tamén che pode gustar:

0 comments