IV Sin Son 10K

Desta vez despraceime ata Porto do Son para disputar a IV Carreira Sin-Son 10K nun circuíto con moitas baixadas pero tamén algunha subida importante e que ía dende Portosín ata Porto do Son completando unha distancia de 10 km. O obxectivo será o de intentar mellorar o tempo do ano pasado que está en 36:32 minutos, o que suporía facer os 10 km máis rápidos que teña corrido, aínda que a marca non me valería xa que non está homologado o circuíto. Nada máis chegar a Porto do Son, xa me cambiei e collín o bus que nos levaba ata a saída en Portosín. Unha vez chegados a zona de saída xa me puxen a quecer, xa que como a idea era facer os 10 km máis rápidos pois había que ter as pernas preparadas, mentres estaba a trotar, fun saudando a compañeiros e amigos das carreiras que cada vez son máis. Cando escoitei por megafonía que xa estaban a chamarnos fun cara o caixón correspondente, alí esperei a que se dera o pistoletazo de saída e o lanzamento de confeti. Unha vez arrancada a carreira, mala saída coma case sempre xa que, os primeiros 2 km son pola zona do porto e é algo estreito para a cantidade de corredores que éramos, polo que ao ir con precaución fun perdendo moitas posicións. 
Cando puiden empezar a correr e comezar a marcar o meu ritmo xa ía polo km 3 polo que pensei para min que xa non tiña moitas opcións de mellorar o tempo, de todas formas ía intentalo e forzar un pouco máis do que tiña pensado. Outro inconveniente co que non contara foi co vento xa que por momento viñan refachos e eu que peso pouco custábame máis avanzar e tiña que facer máis forza mentres loitaba contra el. No paso polo km 5 onde tiñamos un control e xa en plena remontada, marquei un tempo de 18:50 o que equivale a un ritmo de 3:46 min/km e pasando no posto 116º. A partir do paso de control quedaba o complicado da carreira que era seguir co ritmo forte que levaba dende o km 3 e pasar a costa importante da carreira situada no km 7 pero antes de chegar a costa fun gañando moitas posicións e adiantando a grupos de corredores, sentíame moi cómodo, tanto co ritmo coas sensacións e seguín tirando. Na miña cabeza volvía pensar que podía ser posible baixar o tempo do ano pasado xa que me sentía ben e forte. Xa no km 7 na subida tamén subín con ganas e despois de martes subir A Curota esa “costiña” non era nada aínda así ao chegar arriba si que tiven que coller un pouco aire xa que ao ritmo que subín quizais foi forte demais pero a partir de aí era todo terreo favorable ata a meta. Sobre o km 8,5 un grupo de corredores que viñan forte comézanme a pasar e eu ao intentar aguantarlle o ritmo, pago as consecuencias e no km 9 sinto un punto na zona abdominal que me fai baixar un pouco o ritmo e perdo as opcións de poder sprintar por gañar posicións nese grupo. 
Encarando xa a recta de meta e vendo o tempo que ía marcar, déixome entrar en meta sen forzar máis xa que non ía conseguir o obxectivo proposto, de todas formas estes últimos 5 km fíxenos en 18:13 minutos o que equivale a un ritmo de 3:39 min/km, fíxenos máis rápido que a miña mellor marca nos 5 km homologados polo que moi contento co rendemento.
O final posto 78º de 1800 e 27º da categoría con un tempo de 37:09 minutos, o que equivale un ritmo de 3:42 min/km. O obxectivo finalmente non foi cumprido e quedeime a 37 segundos da marca do ano pasado pero quédome coas boas sensación que tiven cando puiden empezar a correr e co rendemento que a pesar da mala saída, fun capaz de remontar bastante impoñéndome un ritmo forte e indo máis rápido nos últimos 5 km ca marca que teño nesa distancia. 
Resumindo, carreira rápida e algo dura con esa costa no km 7 que se vas xusto podelo pasar mal, moi boa organización evitando os problemas do ano pasado na zona do avituallamento e algo que non me gustou foi o de ter que entregar o dorsal para poder recoller a bolsa do corredor incluso a cola que se fixo para recollela e que despois só lle fixeran unha marca e puideras quedar con el, eu penso que entregando a bolsa coa entrega do dorsal evitaríanse moitos problemas pero polo resto desde o meu punto de vista moi ben. 
PD: Fotos cortesía de Runphotos Galicia . Grazas!!

Tamén che pode gustar:

0 comments