III 5K Festa do Salmón
- maio 13, 2017
- Por: IglesiasAmores
- 0 Comentarios
Tras correr a semana pasada en Valencia a Wings For Life World Run, esta semana debería descansar e recuperarme ben do esforzo pero non aguantei a tentación e decidín asistir a III 5K Festa do Salmón. Proba que este ano ten un carácter solidario aportando a campaña de micromecenado da Biopsia Líquida de ONCOMET, para a investigación oncolóxica.
O obxectivo sería:
- Intentar baixar a miña MMP nos 5K que está en 18:15 conseguidos nesta mesma proba.
En plena borrasca, chego A Estrada para recoller o dorsal e poñerme a quecer pero como estaba caendo unha boa, ata o último momento non me animo a quecer, aínda así molleime todo quecendo... xa menos mal que non facía moito frío.
Resgárdome un pouco da chuvia mentres non nos chamaban para a saída. Chegado o momento colócome o máis adiante posible para evitar os atrancos da primeira curva e intentar saír forte dende o comezo.
Dáse a saída e salgo mal, na primeira curva non dou avanzado tras coller o interior, ademais ao estar todo mollado o risco de esvarar era maior.
Pasada a curva empezo a gañar posicións pero sen atoparme cómodo co ritmo nin coas sensacións xa que sentía que xa non había moito máis forza nas pernas, que xa estaba indo a tope...
A primeira volta, das dúas que había que dar, tómoa máis "relaxado" para ver como estaba o percorrido e é que en cada curva freábame bastante co medo a esvarar e non estaba correndo moi cómodo.
Na segunda volta intento apertar un pouco máis e dar todo o que me quedaba para buscar a marca pero non conseguía atopar boas sensacións aínda así na penúltima curva vexo como por detrás viña un corredor moi forte polo que saco forzas de onde non as hai e comezo a tirar máis, consigo gañar outra posición pero que tras xirar (con coidado...) encaramos a liña de meta e no sprint final volvo perder o posto.
O resultado final foi:
- Posición xeral: 24º de 137.
- Posición da categoría: 11º.
- Tempo: 18:37 min.
- Ritmo: 3:43 min/km.
O obxectivo non se deron cumprido e imaxino que por dúas razóns, primeiro o corpo non estaba recuperado da última carreira para intentar ir rápido a pesar de que só me quedei a 22 segundos de baixar a marca e segundo a climatoloxía, ao estar todo mollado ía con moita precaución nas curvas para non esvarar e tamén facía algo de vento que non axudaba moito.
A pesar diso contento xa que me quedei cerca da marca e sei que no próximo intento é moi posible que consiga baixar o tempo, polo que de momento a seguir adestrando.
🏆 Clasificación xeral homes 🏆
- Amadeo Abal Chaves .............. 16:17
- José Canda Louzao .................. 16:22
- Ricardo Vazquez Vaamonde .... 16:39
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
- María Y. Gutierrez Robles ........ 17:50
- Iria Campos Trabazo ................ 18:48
- Isabel Saez Batallan .................. 20:01
PD: Clasificación completa. Fotos cortesía de RunPhotos Galicia. Moitas gracias.
0 comments