III Trail Senda do Picón

Tras participar o día anterior no VI CorreSan Ruta dos Parques, hoxe era a quenda de facer a despedida do trail por este ano, xa que o que queda de ano só estarei correndo en asfalto. Despraceime ata o Concello de O Pino, concretamente O Pedrouzo onde se celebraba o III Trail Senda do Picón (14 Km).

Os obxectivos serían:
  • Intentar chegar ao podio xa que non somos moitos pero si de calidade.
  • Desfrutar do último trail do ano.
Unha vez cheguei O Pino, fun recoller o dorsal e como fun con tempo suficiente tiven tempo de ir tomar un té negro. Chegado o momento acabeime de cambiar e púxenme a quecer con Sergio Requeijo, compañeiro de carreiras.
Rematado o quecemento e antes de colocarnos na saída fixemos unha foto cuns compañeiros do mundo do trail cos que me levo moi ben.


Tras a foto, había que centrase xa na carreira. Estaba con ganas de comezar a correr e coloqueime nunha segunda/terceira fila para saír co grupo de adiante. Despois da explicación, deuse a saída onde como non, vou perdendo posicións e non porque se saíra moi rápido senón porque eu non daba ido mellor, as molestias sobre todo ao estirar a perna eran evidentes e estábame custando coller ritmo.


Os primeiros 2,5 km's eran favorables, costa abaixo, aínda que había un tramo pola zona dun riachuelo onde estaba todo moi esvaradizo e sen desbrozar moito porque me piquei con todo o que había... incluso case quedo sen zapatilla xa que me quedou enganchada entre as raíces, por sorte puiden sacar rápido o pé e non perdín tempo. As molestias coas que comecei pouco a pouco ían remitindo e xa ía entrando en calor.


Tras ese "mal" comezo, onde tiña molestias detrás do xeonllo esquerdo, comezamos a subir e fun recuperando todas esas posicións que perdera no comezo. Mentres subía non paraba de dicirme "pasos curtos e a ritmo" mentres había forza había que aproveitar.

Chegamos ao primeiro avituallamento situado no punto máis alto, xa no km 6,5 onde como é habitual en min non paro, facía frío e non me apetecía nada só seguir correndo e gañar máis postos.


Tras o avituallamento comezamos unha baixada por unha pedras, estando en condicións de seco podíase ir moi rápido pero houbo que tomar máis precaucións para non esvarar ata chegar de novo ao camiño.

Xa por pistas as molestias desapareceran de todo e comecei a rodar rápido algo que non tiña pensado facer, collo a un grupo que ía por diante e vou con eles. Pasamos por unha zona de "rio" onde a auga case nos daba pola cintura, case era mellor botarse a nadar porque as pedras de abaixo non era que tiveran moito agarre.

Sobre o Km 14 aprox. saímos a un cruce onde collín a dereita, de repente vexo como os corredores que levaba por diante veñen de volta polo que, camiño erróneo, menos mal que só foron 20 m. os que me equivoquei.

Volvemos ao camiño correcto e aínda quedaba pasar por outra zona de "rio" onde se esvaraba moito e a terra estaba moi solta, non había moito agarre, apiques estou de caer varias veces pero que finalmente non pasa nada.


Acabamos a zona de monte e volvemos a coller o camiño, mentres se comezaba a subir constantemente, eu miraba o reloxo e vía que xa debía quedar pouco, polo que sabía que no último tramo en asfalto tiña que ser o meu forte para poder gañar algunha posición máis e así foi, mentres subiamos o compañeiro de carreiras Mario, adiantoume. A min a costa estábaseme facendo longa pero xusto cando me adianta intento seguirlle o ritmo para atacar cando chegaramos ao asfalto. Chegamos e fixen un cambio de ritmo para adiantalo e sacarlle vantaxe, el intentoume seguir e pensando que non me ía xa dar caza comezoume a sprintar, cando o vin tamén empecei o meu sprint onde finalmente quedo por diante del pero co mesmo tempo en meta.


O resultado final foi:
  • Clasificación xeral: 7º de 73.
  • Clasificación categoría: 2º 🏆
  • Tempo: 1:11:21
  • Ritmo: 5:05 min/km.

Os obxectivos cumpridos, finalmente conseguín chegar ao podio pero posiblemente gracias a que os catro primeiros no cruce que eu me confundín a eles pasoulles o mesmo pero chegando a percorrer uns 700 metros de máis. Desfrutei bastante da proba sobre todo cando me pasaron as molestias e puiden comezar a correr máis comodamente.

En canto a carreira, ben organizada o problema que houbo nese cruce creo que non foi debido a organización senón ao rápido que se ía ahí porque unha vez que mirabas, as cintas víanse ben. Trail rápido e sen subidas das que unha vez arriba tes que recuperar o alento pero que para a xente que queira comezar neste mundo é perfecto.
¡Non vai ser todo cortalumes para arriba e cortalumes para abaixo, que non todos somos carneiros, nin cabras!

🏆 Clasificación xeral homes 🏆
  1. Rubén Insua Díaz ................... 1:08:44
  2. Juan Elosua Capellán ............ 1:08:55
  3. Victor Maneiro Freire ............ 1:08:55
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
  1. Verónica Calvo ......................... 1:29:14
  2. Miriam Palomanes Atanes .... 1:29:34
  3. Teresa Carneiro Barroso ........ 1:31:32
PD: Clasificación completa. Fotos cortesía de: Trail Galicia - GZ TrailConcello de O Pino. Moitas gracias.

Tamén che pode gustar:

0 comments