II Carreira Solidaria Montes de Curro

Desta vez tocou desprazarse ata Curro (Barro), onde se celebraba a II Carreira Solidaria Montes de Curro, a favor da Asociación de Rescate Animal Cadeliños onde o recadado irá destinado a recollida, alimentación e atención veterinaria dos animais da asociación. O percorrido sería duns 15 Km por sendeiros e un tramo de asfalto.

Os obxectivos serían:
  • Intentar chegar ao podio dada a pouca inscrición deste ano.
  • Desfrutar o que poida do ambiente e paisaxes.
Unha vez cheguei a zona da saída (menos mal que estaba ben indicado senón seguro que me perdía), fun recoller o dorsal e esperar a que chegase a hora de cambiarse para poñerse a quecer un pouco, mentres fun saudando aos compañeiros de equipo que tamén ían disputar a proba, algúns na modalidade de 5 Km e outros na de 15 Km.

Tras cambiarme e realizar o quecemento, somos chamados a liña de saída onde nos explican un pouco como será o percorrido. Colócome adiante para intentar saír e quedarme no grupo de cabeza para intentar seguir a Abel Barros un dos corredores que a priori sería dos máis fortes.


Deuse o inicio a proba e arranco ben (cousa rara), gañando postos e quedándome como quería no grupo de cabeza, intentando seguirlles o ritmo. Tras os 2 primeiros km's quedámonos 3 na cabeza, sinceramente eu non sabía como correr nese momento xa que non estou a feito a liderar unha carreira polo que decido manter unha distancia e non adiantalos, así tamén ía reservando algo de forzas.


No Km 4,7 os da carreira de 5 ían cara meta mentres os de 15 tíñamos que dar outra volta e desta vez máis grande e dura. Nese punto comezo a quedarme atrasado respecto aos outros dous corredores aínda que, de momento conseguía velos e intentaba chegar de novo a eles.

Sobre o Km 8, comezamos unha subida que se me ía facer eterna, non tiña moita pendente pero estivemos subindo durante 1,5 km continuamente ata onde estaba o avituallamento intermedio do cal non me paro como é habitual.


Unha vez pasado o avituallamento comezamos a parte máis entretida xa que ata agora foi todo o tempo dar zapatilla. Na baixada había un tramo máis técnico onde xa tiñas que controlar onde pisar para non sufrir ningunha lesión, baixando cruzámonos cun coche que ía subindo e non me gustou moito, ben podía esperar un pouco a que pasaramos nos e despois darlle paso.

Rematada a baixada, tocaba volver subir pero xa por onde pasamos anteriormente xa dirección meta, eu ía mirando seguido para atrás xa que por diante non vía a ninguén e tiña que manter a posición como fora polo que nese último tramo de subida din todo o que me quedaba sabendo que o que viña despois era baixada e podía deixarme levar ata meta.


Chegado o punto onde na primeira volta os da carreira de 5 Km foron cara meta, fago unha última mirada cara atrás para comprobar que todo seguía igual e que non viñese ninguén e así afrontar os últimos metros máis tranquilo e sabendo que chegaba 3º da xeral.


O resultado final foi:
  • Posición xeral: 3º de 25. 🏆
  • Posición categoría: 1º 🏆
  • Tempo: 57:27 min.
  • Ritmo: 3:50 min/km

Os obxectivos cumpridos, conseguín chegar ao podio ademais sendo 3º da xeral e desfrutei moito da carreira xa que era por pistas e monte pero das de correr sen ter zonas moi técnicas propias de un trail. Para o ano espero repetir nesta proba e que se anote máis xente que aparte de ser para un boa causa, a organización e o trato ao corredor foi perfecta e dicir que tamén se podía adoptar a un cadeliño pero que no meu caso xa teño tres e non creo que poida levar máis aínda que se por min fora seguro que me levaba un. 
Para rematar felicitar tamén a Albino, compañeiro de equipo que foi 3º da categoría.


🏆 Clasificación xeral homes 🏆
  1. Roberto Riobo Estévez ............... 55:20
  2. Abel Barros González ................. 56:07
  3. Miguel Iglesias Amores .............. 57:27
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
  1. Mara Garrido Míguez .................. 1:17:41
  2. Rebeca Muñoz Narciso ................ 1:19:46
  3. Laura Alonso Riosalido ............... 1:40:28
PD: Clasificación completa. Fotos cortesía da Asociación de Rescate Animal Cadeliños. Moitas gracias.

Tamén che pode gustar:

0 comments